O PP pide o arranxo inmediato da estrada LU-P-1811 en Chantada

O PP de Lugo esixe o arranxo inmediato da estrada LU-P-1811, en Chantada, e denuncia o seu “nefasto e perigoso” estado de conservación. O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, xunto ao alcalde de Chantada, Manuel Varela, achegáronse este martes á estrada para comprobar as “importantes deficiencias que complican a mobilidade dos veciños”.
Antonio Ameijide esixe ao goberno provincial que “realice de inmediato” o mantemento desta estrada provincial xa que, din, “circular por ela é unha tarefa case imposible” dadas as grandes fochancas que presenta. Segundo o popular, durante a visista “tivemos ocasión de falar cos veciños e algún, incluso, ofreceuse a ensinarnos as rodas picadas que tiña gardadas por mor das fochancas que teñen diante das portas das casas”.
Ameijide critica que a estrada presenta “moitos puntos nos que complicado circular” ao non haber escapatorias ás fochancas, e considera que “o primeiro que hai que facer é arranxar o firme, así como o desbroce da vexetación, a poda das árbores, a renovación da sinalización vertical, o repintado da sinalización horizontal e a limpeza das cunetas para garantir que se canaliza correctamente a auga e que esta non discorre polo firme”.
Pola súa banda, o alcalde de Chantada, Manuel Varela, lembrou que no municipio hai máis de 100 quilómetros de estradas da Deputación que di, “teñen que ser estradas seguras”. Neste sentido, explica que “hai poucos días, tamén cos compañeiros do Grupo Provincial comprobamos como a estrada LU-P-1801 (Chantada – Nogueira – Os Peares) está a caerse á altura do PK-15, aproximadamente, cun elevado risco de derrubamento cara os bancais e o río”. Neste senso, Manuel Varela denuncia “a total ausencia” de comunicación por parte da Deputación, así como que “o único que fixeron foi poñer unhas barreiras para evitar o paso pola zona afectada e botar un pouco de formigón na cuneta contraria”.