O PP pide o arranxo da LU-P-3201 e a LU-P-5901 ao seu paso por Sober

O voceiro do PP na Deputación, Antonio Ameijide, denuncia que o goberno provincial deixa fora do plan de mellora de estradas provincias anunciado fai uns días á LU-P-5901 e á LU-P-3201, no tramo pertencente ao municipio de Sober.
Concretamente, o popular afea que non se tiveran en conta entre as estradas que recentemente o presidente provincial anunciaba que serían arranxadas. Ameijide sinala que “deciden arranxar as que están algo mellor e deixar de actuar naquelas que están desfeitas coma estas”, o que supón “dificultades para circular por estas estradas”.
A vía provincial que comunica o núcleo de Sober co de Canabal, a LU-P-5901, atópase “rebentada” polo que os populares a poñen como exemplo de “falta de mantemento e actuacións durante anos” por parte do goberno provincial.
O popular incide en que “hai outras estradas provinciais que están nun estado relativamente mellor ca esta e si entran dentro do plan de estradas; pero estas vías de Sober, non. Ademais, é curioso porque unha delas comunica do concello veciño de Monforte, onde goberno o presidente da Deputación”.
“Se fai arredor de dous meses advertíamos da falta de solidariedade de Tomé cando anunciaba o arranxo integral da LU-P-3201 no tramo de Monforte e deixaba o tramo de Sober, agora cremos que xa é unha discriminación. Tomé tiña a oportunidade de demostrar que é xusto e solidario incluíndo o arranxo integral da parte da estrada que se atopa no termo municipal de Sober para garantir a mellora completa da vía e garantir a seguridade dos usuarios, veciños de toda a zona e non só de ambos municipios”.
O popular cre que “tanto os veciños de Monforte coma os de Sober teñen dereito a que se reasfalte a estrada na súa totalidade”. Polo tanto, non cuestiona as obras no tramo de Monforte xa que incluso os deputados do Grupo Provincial Popular reivindicaban fai máis dun ano a súa mellora ao seu paso pola parroquia de Piñeira tras manter un encontro cos concelleiros do PP de Monforte e veciños da zona que reclaman dotar á vía de beirarrúas e pasos de peóns elevados.
“Pero estas actuacións non se aprecian no proxecto publicado na plataforma de contratación da Deputación de Lugo, para o tramo de Sober só anunciou un rebacheo que tampouco consta no proxecto e agora esta estrada fóra do último anuncio do plan de estradas provinciais”, remarcou.
Os populares insisten en reclamar ao goberno de PSOE e BNG “melloras para garantir que os usuarios dispoñan dunhas condicións de seguridade na rede de estradas da Deputación”.