O PP pide ao Goberno central “compromiso e feitos” na construción da A-76

Os senadores do PP lucense interésanse polo proxecto da autovía A-76 que unirá as cidades de Ourense e Ponferrada. Así, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano rexistraron unha pregunta, na Cámara Alta, dirixida ao Goberno de Sánchez sobre a situación na que se atopa o proxecto para construír esta infraestrutura, en que estado se atopa cada un dos seus tramos e as previsións que manexa o Executivo para a execución da mesma.
“A A-76 será unha vía de comunicación primordial para a nosa provincia xa que se trata dunha infraestrutura que xurde coa intención de mellorar a comunicación das comarcas de Lemos, na provincia de Lugo, e Valdeorras, na provincia de Ourense”, subliñan os populares.
Os senadores do PP esixen “compromiso e feitos” ao Goberno central na construción desta autovía, así como co resto de infraestruturas viarias estatais, e deixe de abandonar á provincia de Lugo nesta materia.