O PP gobernará en Manzaneda tras saír adiante a moción de censura

O PP recupera a alcaldía de Manzaneda tras preto de 20 anos logo de saír adiante este luns a moción de censura presentada xunto a dous ex concelleiros socialistas contra o alcalde, Amable Fernández.
Dous votos do PP, sumados aos dous dos tránsfugas do PSOE, danlle a alcaldía a Pedro Yáñez, que gobernará o Concello ata as eleccións de 2027.
Para o xa ex alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, os argumentos esgrimidos polo PP para xustificar a moción sobre a suposta "ingobernabilidade" do Concello de Manzaneda non se axustan a realidade. O rexedor destituído defendeu a súa xestión á fronte do Concello lembrando que xa gobernaran en solitario nos anos da COVID. “Din que é por ingobernabilidade, cando na lexislatura pasada tiñamos tres concelleiros e estabamos en minoría e xa fomos quen de sacar adiante ao municipio en plena situación de pandemia”, sinalou Fernández, insistindo en que “tan mal non o debemos facer cando nas últimas eleccións municipais o PSdeG-PSOE pasou de tres a cinco concelleiros”.
Ademais, reivindicou a xestión económica realizada durante o seu mandato, lembrando que o concello logrou recibir uns 900.000 euros entre Xunta e Deputación durante o seu mandato, o que supón “un récord” no municipio, e cuestionou a lexitimidade democrática da nova maioría. “A xente volveunos apoiar de xeito masivo, pois agora que se deixen estar ao lado”.
O socialista advertiu sobre as dificultades que enfrontará o novo goberno do PP sustentado en tránsfugas e avanzou que o seu equipo volverá presentarse ás próximas eleccións municipais: "Dentro dun ano e medio a xente falará, porque xa lle adianto que nós imos presentarnos".