O PP esixe a actualización urxente do Plan Deputación pola escalada de prezos na construción

Os deputados do Grupo Provincial Popular reclamarán a PSOE e BNG, no pleno de mañá, unha actualización urxente e inmediata dos fondos destinados ao Plan Deputación “ante a necesidade de adaptar os investimentos á realidade económica actual, marcada por un incremento desorbitado nos custos de produción e materiais polos conflitos bélicos”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que a maioría dos 67 municipios da provincia destinan os fondos deste plan a obras para o mantemento e arranxo da rede viaria municipal, polo que “todos somos conscientes de que os proxectos presentados hai catro meses quedaron totalmente obsoletos”.
Antonio Ameijide explica que todos os concellos realizaron os seus deberes en tempo e formo, pero "agora esa planificación é papel mollado”. “Os conflitos bélicos internacionais dispararon os prezos de materiais esenciais”, explicou, poñendo como exemplo claro o prezo do betume, que xa se sitúa nos 220 euros por tonelada, cando hai poucas semanas estaba nuns 60 euros.
Outros materiais que aumentaron considerablemente o prezo son os carburantes, cun aumento dun 30 %; o cemento, que subiu o custo entre un 30 e un 40 %; derivados do petróleo (plásticos, pinturas, etc.) experimentaron un aumento no prezo por enriba do 10 %.
“Con esta nova situación, os profesionais estiman que o custe total dunha obra nova aumentou nun 30 % nas últimas semanas, polo que PSOE e BNG deben de ser conscientes da nova situación e aumentar os fondos do Plan para que ningunha obra proposta polos concellos quede sen executar”, demandou.
Nesta nova situación, Antonio Ameijde advirte que “se PSOE e BNG non reaccionan con axilidade incrementando as partidas, moitos concellos veranse obrigados a renunciar ás obras”.
Dende o Grupo Provincial Popular instan ao goberno de Carmela López a demostrar "sensibilidade" cos concellos. "A Deputación ten que ser un soporte para os concellos, non un obstáculo. Non podemos permitir que a falta de previsión política condene aos nosos municipios a perder actuacións vitais", afirmou.