O PP denuncia a paralización do proxecto da A-56 entre Ourense e Lugo

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Piden ademais o arranxo integral da N-540 mentres non se comprometa un prazo para executar a autovía
estado-n540-1
12 Feb 2026

O PP de Lugo denunciou esta mañá nunha visita ao concello de Carballedo a paralización do proxecto a autovía A-56 entre Ourense e Lugo e o deterioro da nacional N-540. Os senadores José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano critican que o estado desta estrada supón “un auténtico perigo para os usuarios polo desleixo e a falta total de mantemento”. Os representantes lucenses esixen garantir unhas condicións mínimas de seguridade na N-540 mentres non se execute a prometida autovía.

Neste sentido, sinalan critican a “falta de avances” por parte do Goberno central ante o que consideran unha infraestrutura estratéxica para vertebrar o interior de Galicia e conectar dúas capitais de provincia. Denuncian que desde setembro de 2020 só se puxeron en servizo 8,8 quilómetros da autovía, mentres o resto dos tramos continúan bloqueados, con tramitacións administrativas paralizadas e declaracións de impacto ambiental caducadas.

Segundo os senadores populares, a falta de mantemento nesta vía “condena aos veciños de Lugo e Ourense e aos transportistas a circular por unha estrada chea de fochancas, co firme degradado, sen mantemento e con tramos practicamente intransitables, que poñen seriamente en risco a seguridade viaria”.

Sinalan ademais que entre 2020 e 2024 rexistráronse 877 accidentes nesta estrada, 102 deles directamente relacionados co mal estado do firme, e poñen de exemplo o tramo de Pereira, en Chantada, “onde o Ministerio se limita a colocar sinais amarelas e conos para advertir do desastre, pero sen executar as obras necesarias”.

Neste contexto, o PP rexistrou unha moción no Senado para esixir ao Goberno que manteña a A-56 como autovía de altas prestacións, que presente un cronograma real con prazos e orzamentos e que execute de maneira urxente unha rehabilitación integral da N-540.

⚙ Configurar cookies
0.07834005355835