O PP de Ribas de Sil denuncia incumprimentos na convocatoria de plenos

O PP de Ribas de Sil dirixe unha queixa á Valedora do Pobo “ante o incumprimento da periodicidade na convocatoria dos plenos ordinarios por parte do alcalde” o que, din, “vulnera o dereito fundamental dos cidadáns de participar nos asuntos públicos e reduce o dereito dos concelleiros de exercer as súas funcións”.
Os populares denuncian que o Goberno municipal leva medio ano sen convocar os plenos ordinarios, incumprindo o acordo do inicio de mandato que establecía a súa celebración cunha periodicidade de dous meses.
“O Concello non está a celebrar os plenos coa periodicidade acordada”, din os populares, que sinalan que a última sesión celebrada, de carácter extraordinario, foi o 9 de maio. A portavoz popular, Sandra Macía, lembra que “a inicios do mandato, no Pleno de organización, aprobouse a celebración da sesións ordinarias do Pleno o primeiro luns de cada mes impar ás 12.00 horas. E esa organización mantívose trala renuncia de Miguel Ángel Sotuela e a elección de Roberto Castro”.
Dende o PP denuncian que este incumprimento vulneraría o artigo 23 da Constitución Española que recolle que “Os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos en eleccións periódicas por sufraxio universal”. Salientan, ademais, que a falta de plenos “impide que os concelleiros da oposición exerzamos o noso labor de control ao goberno”.
A portavoz popular agarda que a Valedora do Pobo admita a trámite a queixa por vulneración do dereito fundamental de participación política dos concelleiros do Grupo Municipal do PP de Ribas de Sil e dos cidadáns representados, e que requira ao Concello o cumprimento inmediato do acordo plenario sobre a periodicidade dos plenos ordinarios, ademais de emitir as recomendacións necesarias e supervisar o cumprimento das medidas adoptadas.