O PP de Monforte pide derrogar a normativa de rexistro de viaxeiros

RibeiraSacraXa
Consideran que a normativa prexudica a actividade turística
Katy-Varela-Monforte-de-Lemos
Katy Varela
23 Dec 2024

Os concelleiros do Grupo Municipal de Monforte defenderán no pleno que a corporación inste ao Goberno central á derrogación do Real Decreto 933/2021, do 26 de outubro, polo que se establecen as obrigacións de rexistro documental e información das persoas físicas ou xurídicas que exercen actividades de hospedaxe e alugueiro de vehículos de motor, "procedendo urxentemente a establecer unha canle de comunicación fluída e construtivo cos nosos operadores hostaleiros, de axencias de viaxes e de alugueiro de vehículos afectados".

A voceira popular, Katy Varela, explica é preciso alcanzar unha solución consensuada e satisfactoria cos operadores afectados, ditar as normas precisas de desenvolvemento sobre as obrigacións de rexistro documental e información das persoas físicas ou xurídicas que exercen actividades de hospedaxe e alugueiro de vehículos de motor. “Cómpre descartar calquera medida que poida danar a actividade turística e atentar contra a intimidade da seguridade de turistas e clientes”, afirmou.

Katy Varela recorda que tanto o Congreso como o Senado rexeitaron esta normativa, pero o Goberno de Pedro Sánchez ignorou por completo ambos pronunciamentos, descartando nin sequera considerar un novo período de prórroga para a entrada en vigor desta complexa e inasumible normativa, que lastra de cheo a operativa diaria de miles e miles de pequenas empresas da cadea de valor turística, poñendo en risco con iso o funcionamento dos fluxos turísticos, á vez que xerando serios interrogantes de índole xurídica en materia de protección de dereitos e privacidade de turistas e usuarios, tanto de carácter doméstico como internacionais.

A realidade é que Monforte goza cada vez de maior peso como destino turístico, sen esquecer que os monfortinos tamén son turistas noutras cidades. “A aprobación desta normativa afecta negativamente ao sector turístico da nosa cidade e toda a súa cadea de valor, e tamén atenta a os dereitos e privacidade dos nosos veciños cando actúan como turistas”, sinalou.

0.14390182495117