O PP de Monforte pide a rehabiltación integral da N-120 entre O Barco de Vadeorras e Ourense

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte defenderán no vindeiro pleno a rehabilitación integral do firme da N-120, desde o Barco de Valdeorras ata Ourense, así como a construción dos carrís adicionais comprometidos entre Peares e Ourense.
A voceira municipal, Katy Varela, explica que “vemos necesario que toda a corporación apoie esta reivindicación ao Ministerio de Transportes porque se trata de garantir a seguridade viaria de todos os usuarios desta estrada que, no caso de Monforte, aféctanos de forma directa”.
“Cómpre realizar a execución das obras de mellora de seguridade viaria mediante a creación de carrís adicionais entre Peares e Ourense, anunciadas polo Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible no BOE do 30 de abril do 2024 que, a día de hoxe, segue a ser unha materia pendente coa provincia, como a alta velocidade ferroviaria”, denunciou.
Katy Varela recorda que a N-120, desde Ourense ata Ponferrada, “é un tramo que soporta unha densidade de circulación moi elevada” por ser a única estrada de comunicación coa meseta de puntos moi importantes de Galicia como Monforte de Lemos, Quiroga, A Rúa ou O Barco de Valdeorras. “Esta estrada é fundamental para a cidade de Monforte de Lemos, pois e a conexión actual da vila coa provincia de Ourense e Pontevedra, así como a saída natural de Galicia o resto de España”, sinalou.
A pesar da importancia de esta estrada, a súa conservación é escasa e practicamente nula, estando en moitos puntos tan chea de fochancas que a súa circulación convertese nun auténtico perigo para os condutores. “Pese a ser habituais os anuncios do Ministerio de partidas millonarias para o seu arranxo, sobre todo cando hai algún accidente, seguimos agardando pola execución do arranxo integral anunciado para o treito que discorre por Quiroga, valorado en 15 millones de euros, do que ata día de hoxe, nada se sabe”, lamentou.
A petición dos concelleiros populares contempla a rehabilitación desta estrada para garantir a seguridade viaria e, neste senso, Katy Varela explica que “non se trata da primeira reivindicación que se realiza”, poñendo sobre a mesa outros acordos, como o do Parlamento de Galicia, cámara na que a propia Katy Varela defende a importancia do seu arranxo, ou as diferentes iniciativas defendidas no Congreso e no Senado. “Vemos como o Goberno de Pedro Sánchez segue castigando a Lugo e aos lucenses abandonado por completo as infraestruturas da nosa provincia, a pesar de que, no caso da N-120 aprobouse en abril de 2024 o proxecto de trazado, pero nada se sabe do proxecto de construción e da licitación das obras de creación destes carrís adicionais”, lamentou.