O PP de Monforte pedirá no pleno a ampliación da RPT con perfís profesionais

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular defenderán no vindeiro pleno que a Relación de Postos de Traballo municipal recolla perfís profesionais máis cualificados para desempeñar funcións máis específicas.
A voceira popular, Katy Varela, agradece “o traballo que realizan todos os funcionarios e profesionais que traballan para o Concello de Monforte” pero “tamén nos solicitan que no Concello debe de haber perfís profesionais concretos para realizar traballos moi determinados”.
Neste senso, os concelleiros populares ven necesario que o Concello de Monforte conte con un técnico de turismo con grao de Turismo, un técnico de promoción económica con grao en Economía e ou empresa, un arquitecto máis para a área de urbanismo e técnico de obras, con titulación técnica en obra pública e civil ou enxeñería de camiños.
Para Katy Varela “o Concello de Monforte ten que dar un paso de profesionalidade en determinados departamentos, para dinamizar o ámbito económico e social da cidade, e así recuperar poboación e recuperar o brío do pasado”. Denuncia a “parálise” do municipio ante a “falta de perfís máis profesionais” e piden a incorporación de persoal cualificado.
Os populares advirten de que nos últimos meses “vemos con moita preocupación o constante peche de negocios e o desánimo semella terse instalado no municipio, polo que cremos necesario dotar ao Concello de profesionais cualificados que poidan liderar determinados apartados profesionais a favor da prosperidade da cidade e de todos os cidadáns, como así sucede en outras áreas onde funciona moi ben como pode ser deportes, ou cultura”.