O PP de Monforte denuncia “incumprimentos” por parte do executivo municipal en varios proxectos anunciados

RibeiraSacraXa
Os populares sinalan que o alcalde “leva anos vendendo a construción dunha ponte nova ou unha praia fluvial desde antes das últimas eleccións, pero aínda nada se sabe”
Katy-Varela-PP-Monforte-video
Katy Varela
19 Dec 2024

A voceira do PP, Katy Varela, celebra o anuncio do alcalde para a mellora da rede abastecemento; pero asegura que “estaremos vixiantes de que realmente se cumpra” toda vez que “este alcalde ten anunciado outros proxectos que aínda están pendentes”.

Os populares lembran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa insistencia con este tema, pois tanto os propios monfortinos como o Partido Popular levamos anos reclamando o arranxo deste grave problema que padecemos os veciños con tubaxes en moi mal estado que deixan sen auga a moitos veciños e veciñas en múltiples ocasións”. Polo tanto, “agardamos que non quede en papel mollado”.

Con todo, dende o PP subliñan que “agora o alcalde recoñece esta realidade inadmisible da que levamos tempo advertindo” e que, polo tanto, “hai anos que debería ter xestionado”.

A portavoz lembra outros anuncios incumpridos por José Tomé: “leva anos vendendo a construción dunha ponte nova ou unha praia fluvial desde antes das últimas eleccións, pero aínda nada se sabe”.

Tamén citou que “ten un cartel que non saca na Compañía anunciando unha inversión de 1,7 millóns de euros  para arranxar os vertidos desa zona cando xa dixo, aínda que coa boca pequena, que finalmente non se ía realizar”.

Varela incidiu en que “estaremos expectantes de que todos os anuncios que fai o alcalde se cumpran adecuadamente e non estea anunciando sempre o mesmo sen executar como fai con outros convenios que firma e prorroga cada ano”.

0.16846990585327