O PP de Lugo pide o arranxo da LU-P-3201 “na súa totalidade”

Os deputados do Grupo Provincial Popular critican o anuncio da Deputación de Lugo de comezar co arranxo integral da LU-P-3201, pero só no treito que discorre polo termo municipal de Monforte. A parte restante da vía, que discorre por Sober “soamente será bacheada”, denuncian os populares, que aseguran que no proxecto non figura nin esa actuación para o concello limítrofe, “con gran arraigo e unión xa que moitos monfortinos e soberinos comparten orixes”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, non cuestiona as obras que se van a realizar “xa que cómpre recordar que en marzo de 2024 reclamos a adopción das medidas de seguridade necesarias no barrio de Piñeira, como a creación de beirarrúas ou pasos de peóns”, pero “o que si poñemos en tea de xuízo é que os traballos máis importantes, como a mellora da seguridade e o reasfaltado da vía se realicen unicamente dentro do Concello de Monforte, deixando de lado ao Concello de Sober, no que só se realizará un bacheado”.
“Coincidimos na necesidade de reasfaltar esta estrada para mellorar a circulación así como dotala de beirarrúas e pasos de peóns para garantir a seguridade de viandantes e condutores” explica, pero pide á Deputación que arranxe a estrada na súa totalidade e non só na parte que pasa polo concello de Monforte.