O pleno de Monforte condena unanimemente o atentado contra o futuro centro para menores estranxeiros

RibeiraSacraXa
Todos os grupos votaron a favor dunha declaración institucional que condena taxantemente o atentado rexistrado no centro fai unhas semanas
pleno-Monforte
30 Sep 2025

O pleno do Concello de Monforte celebrado este luns aprobou por unanimidade unha declaración de condena polos graves acontecementos ocorridos no centro Francisco Suárez, xestionado por Prodeme, tras ser atacado por cócteles molotov fai unhas semanas, ao coñecerse que o edificio albergará un centro para menores estranxeiros.

No apartado de xestión patrimonial, saíu adiante a cesión dunha parcela a favor de ADIF, con apoio do PSOE e abstención do PP, BNG e Esperta.

Tamén prosperaron dúas mocións presentadas polo grupo socialista: unha para reclamar á Xunta de Galicia que asuma na súa totalidade os custos da escola infantil municipal derivados da gratuidade establecida pola administración autonómica, apoiada por PSOE, BNG e Esperta, fronte á abstención do PP; e outra para instar ao Goberno galego a respaldar o pacto de Estado fronte á emerxencia climática e cumprir co ditame sobre incendios aprobado no 2018, igualmente apoiada por PSOE, BNG e Esperta, mentres o PP se abstivo.

Pola contra, foron rexeitadas a iniciativa do PP para condenar os incidentes rexistrados durante a Vuelta Ciclista a España, que foi apoiada só polo PP e rexeitada por PSOE, BNG e Esperta, e a proposta do BNG para introducir mecanismos de participación cidadá nos orzamentos municipais, que contou co apoio do PP, BNG e Esperta, pero foi rexeitada polo PSOE.

Tamén non saíron adiante as mocións de Esperta relativas ao centro de menores estranxeiros non acompañados e á colaboración do Concello co concurso de proxectos empresariais Semente Ribeira Sacra, ambas apoiadas polo PP, BNG e Esperta e rexeitadas polo PSOE.
Si contou con maior apoio a moción do BNG sobre a vaga de incendios forestais que afectou Galicia no mes de agosto, que foi aprobada por PSOE, BNG e Esperta e rexeitada polo PP.
Ademais, o pleno avalou a proposta popular para mellorar o procedemento de nomeamento de rúas, parques e prazas da cidade, apoiada polo PP, BNG e Esperta e rexeitada polo PSOE.

⚙ Configurar cookies
0.092347145080566