O Pleno de Monforte aproba unha moción do BNG para instar á Xunta a acometer as obras de mantemento no antigo Hotel Comercio

RibeiraSacraXa
Os nacionalistas levaron ao pleno deste luns unha iniciativa para pedir que o goberno autonómico efectúe os traballos para solucionar as eivas no edificio
casa-concello-monforte
28 Jan 2025

O Pleno de Monforte aprobou este luns na súa sesión ordinaria do mes de xaneiro unha moción presentada polo BNG para instar á Xunta de Galicia a que poña en marcha os traballos de mantemento necesarios no edificio do antigo Hotel Comercio, de titularidade autonómica.

Os nacionalistas advirten de que o edificio, que foi rehabilitado fai catorce anos, presenta deficiencias tanto a nivel estrutural como funcional, polo que pediron o apoio do Pleno para instar á administración autonómica a que acometa de forma urxente os traballos necesarios.

A moción foi aprobada cos votos a favor de PSOE, BNG e Esperta Monforte, mentres que o Partido Popular abstívose na votación.

Outras mocións

No mesmo Pleno, os nacionalistas presentaron unha moción para instar ao Goberno Municipal a recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia. A moción foi rexeitada cos votos en contra do PP e do PSOE, mentres que Esperta Monforte votou a favor.

Pola súa banda, os populares presentaron dúas mocións que resultaron rexeitadas ambas cos votos en contra do PSOE. Por unha banda, os populares presentaron unha iniciativa para instar ao equipo de goberno a buscar unha nova localización para o Centro de Día, que contou cos votos a favor do BNG e de Esperta Monforte. A segunda moción, que contou cos mesmos apoios, foi a relativa a mellorar a seguridade viaria na instersección da Florida.

 

Pola súa conta, Esperta Monforte presentou unha moción na que pedía a homologación das pistas de atletismo “Saleta Fernández”, e outra para mudar o sistema de subvencións nominativas de 2025. Ambas foron rexeitadas, a primeira cos votos en contra do PSOE e os votos a favor do PP e do BNG, e a segunda cos votos en contra do PSOE, os votos a favor do BNG e abstención do PP.

0.16909503936768