Acordo unánime no pleno de Monforte para solicitar un novo enlace entre o polígono do Reboredo e a N-120

O Pleno do Concello de Monforte de Lemos, celebrado este luns 28 de xullo de 2025, aprobou por unanimidade varias propostas entre as que destaca a moción do BNG para solicitar á Xunta de Galicia un novo enlace viario entre o polígono industrial do Reboredo e a estrada N-120. A proposta inclúe, ademais, un punto engadido in voce para remitir o acordo á administración autonómica.
Tamén recibiron o apoio unánime da corporación a aceptación do cambio de titularidade de varios tramos de vías de titularidade autonómica e a declaración institucional da FEMP pola convivencia, a seguridade e o respecto a todas as persoas.
Por outra banda, saíu adiante unha moción presentada polo grupo municipal do PSOE na que se solicita que Elena Candia abandone a vida pública, asuma as súas responsabilidades políticas e pida desculpas ás persoas afectadas pola Operación Pulpo. A moción foi aprobada cos votos do PSOE (10), mentres que o PP votou en contra (4) e BNG e Esperta abstivéronse (3).
O Partido Popular levou a Pleno dúas mocións. A primeira, para instar ao goberno municipal a cumprir os informes de intervención da Conta Xeral de 2024, foi rexeitada cos votos en contra do PSOE e a abstención do BNG. A segunda, dirixida ao Ministerio de Transportes para mellorar as frecuencias ferroviarias en Monforte e concluír as obras da estación, tampouco prosperou, malia contar co apoio de PP, BNG e Esperta.
O BNG presentou outra moción, ademais da referida ao polígono, para reclamar a creación de espazos seguros e atención integral ao colectivo LGTBIAQ+ a través dos servizos sociais. Esta iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, a pesar do apoio do resto dos grupos (PP, BNG e Esperta).
Por último, as dúas mocións defendidas polo grupo mixto Esperta Monforte—para crear unha unidade de atención temperá e para o soterramento do cableado—tamén foron rexeitadas cos votos do PSOE, aínda que contaron co respaldo de PP e BNG.
O regulamento de uso da piscina climatizada, o ximnasio municipal da Pinguela e as pistas de tenis municipais tamén foi levado a Pleno, pero quedou aprobado unicamente cos votos do PSOE, ao absterse os demais grupos.