O Pleno de Monforte aproba o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias ao Sergas en plena crise política

O Pleno de Monforte aprobou na tarde deste mércores, en plena crisis polítca polas acusacións por presunto acoso sexual contra o alcalde, José Tomé Roca, o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) ao Servizo Galego de Saúde (Sergas).
A medida foi aprobada cos votos a favor do BNG e de Esperta Monforte e ante a ausencia dos concelleiros do PP, que decidiron abandonar o Pleno ante o rexeitamento de introducir un punto extraordinario na orde do día relativo á decisión de Tomé de manter a alcaldía.
Pola súa banda, dende o BNG afirman que decidiron dar luz verde á proposta por ser unha demanda histórica da cidade, pero insistiron en que “por coherencia política” e debido ás graves acusacións que saíron á luz nos últimos días, consideran que Tomé debe renunciar á alcaldía ao igual que o fixo coa Deputación de Lugo. “Que ninguén interprete que votar a favor é darlle carta branca a este equipo de Goberno. Creemos que a responsabilidade política hai que esixila”, sinalaba o concelleiro nacionalista Emilio J. Sánchez Iglesias.
Pola súa banda, dende Esperta Monforte, pediron explicacións sobra a situación na que queda agora o Goberno municipal, onde o alcalde e os concelleiros pasan aos non adscritos, unha fórmula que conta co respaldo dos membros da executiva, pero que para a oposición supón “unha situación extraordinaria” pola que deben darse explicacións.
Ambas formacións subliñaron o seu total respecto á presunción de inocencia, pero esixen a Tomé unha explicación clara dos feitos e sobre a situación na queda agora o Concello.
Con todo, a medida sometida a debate saíu adiante e dá luz verde por fin a unha reivindicación histórica de trece municipios galegos —entre eles Monforte de Lemos, Burela, Cangas, Carballo, Vigo, Noia, O Grove, Ourense, Pontevedra, Porriño, Ribeira, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa— que ata agora asumían servizos de atención ás drogodependencias, malia seren competencia autonómica.
No caso de Monforte, a UAD municipal atende tamén concellos do sur de Lugo e parte da provincia de Ourense. Entre eles, municipios como Bóveda, Chantada, Folgoso do Courel, Pantón, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao ou Sober, ademais de varias parroquias do Concello do Inicio. En Ourense, o servizo abrangue localidades como O Barco, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras ou A Veiga.
A medida recolle o traspaso tanto das funcións asistenciais como do persoal: catro traballadores fixos (directora-enfermeira, educadora, traballadora social e auxiliar administrativo) e unha psicóloga interina. Inclúense tamén tres prazas vacantes de psiquiatra, monitor de tempo libre e psicóloga.
En canto ás instalacións, situadas na Praza da Estación, o inmoble é propiedade de ADIF e está alugado polo Concello desde 2017. O traspaso implica tamén ceder ao Sergas o contrato de arrendamento, que se encargará das relacións co administrador ferroviario.