O Pazo de Tor acolleu unha xornada interxeracional sobre a xuventude na aldea

Este sábado, o Museo Pazo de Tor, da Rede Museística Provincial de Lugo, converteuse nun espazo de encontro entre xeracións, no que a memoria e o futuro se deron a man para reflexionar sobre a xuventude de e na aldea.
Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, en nome da Área de Cultura da Deputación de Lugo, explicou que a xornada convidou a pensar sobre o ser de —as raíces, a memoria e a identidade— e o estar en —a presenza, o compromiso e a acción— na aldea. Como sinalou, “falar da xuventude de e na aldea é falar dunha maneira de habitar o mundo. Ser de é levar dentro as raíces; estar en é escoller o presente e construír o futuro dende o local”.
A actividade contou coa participación de veciños e veciñas do territorio, persoas chegadas dende Asturias, así como mediadores, creadoras e representantes institucionais. A organización agradeceu especialmente a implicación de Carlota e do resto de participantes, subliñando a importancia de tecer redes de amizade e cultura entre Galicia e o norte veciño.
Durante a xornada promovéronse debates e reflexións guiadas por tres preguntas: Que pasa? Que podemos facer? Fagámolo. O obxectivo foi abrir un espazo de diálogo no que mozos e maiores puideron escoitarse, recoñecerse e coidarse mutuamente, convertendo a cultura nun eixo de vida compartida e de construción dun futuro común.