O Pazo de Tor acollerá un encontro sobre a gastronomía como marcador de clase social ao longo da historia

RibeiraSacraXa
Será este mércores e contará cunha mesa redonda e unha degustación culinaria
ciclo-cultura-que-da-luz
7 Apr 2026

O Pazo de Tor acollerá o segundo encontro do ciclo “Gastronomía desde o prisma da RMPL: patrimonio, sociedade e paisaxe cultural”, dentro do programa “Cultura que dá luz. Encontros de Saberes Compartidos”, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e desenvolvido nos espazos da Rede Museística Provincial de Lugo. O encontro de Monforte levará por título “Desigualdade e memoria: a comida como marcador de clase social ao longo da historia” e celebrarase o mércores 8 de abril, entre as 10:00 e as 15:00 horas, no Pazo Museo de Tor, en Monforte de Lemos (Lugo).

O eixo conceptual do encontro parte da idea de que a alimentación é un espello das desigualdades sociais. Ao longo da historia, o que se comía, cando se comía e como se comía marcaba posición social, poder económico e acceso a recursos. Nesta xornada analizarase a alimentación como marcador de clase, compararanse sistemas alimentarios históricos e reflexionarase sobre a desigualdade pasada e presente. As estruturas económicas, as relacións de poder entre elas, o acceso á terra e a división social do traballo aparecen como elementos disruptores, e o Pazo de Tor, como escenario, resulta especialmente simbólico ao dialogar coa idea de privilexio alimentario.

O desenvolvemento do encontro estrutúrase en dúas partes. A primeira consiste nunha mesa redonda coa participación de relatores que achegan o saber académico, profano e popular arredor da evolución histórica da gastronomía en Galicia e do papel da comida como marcador de clase. Entre os participantes figuran Xavier Castro, historiador e escritor; Miguel Vila Pernas, xornalista especializado en gastronomía; Slow Food representado por Rocío Carregal; Marcos Arufe, cociñeiro e panadeiro recoñecido como Xove Talento da Gastronomía 2024; Begoña Vázquez, cociñeira de O Regueiro da Cova e chef televisiva en “A Voltas co Prato”; Esther Teixeiro, pioneira na viticultura ecolóxica; e representantes de espazos como o Pazo de Sabadelle con Xosé Figueroa e o Pazo de Tor con Ángeles Rivada, así como participantes do Programa Arte e Benestar da RMPL. A moderación correrá a cargo de Leonardo Casado, licenciado en Museoloxía e Repositorios Culturais e Naturais e membro de MINOM.

O debate centrarase na dieta da nobreza nos pazos e fortalezas, nas diferenzas entre dieta pacega e campesiña, na alimentación en conventos (xaxún, abstinencia e economía interna), na comida das clases populares rurais e na pegada da inmigración na cultura alimentaria galega. Tamén se abordará cando comeza a democratización alimentaria e a evolución da gastronomía galega nos diferentes estamentos e épocas. Como parte da actividade, haberá unha dinámica participativa co público asistente, coa recollida de testemuñas orais de persoas de distintas idades sobre lembranzas das comidas da infancia, produtos de luxo, produtos de celebración e receitas esquecidas.

A segunda parte do encontro, titulada “Tres mesas, tres mundos”, consistirá nun showcooking e degustación no que os cociñeiros convidados presentarán tres mesas que representan diferenzas de clase social. A mesa pacega estará asociada ao acceso á terra, á gandería e ás rutas comerciais, con carne de caza ou vacún, pan branco, viño e uso de especias. A mesa popular rural representará unha economía de subsistencia e autoconsumo, con pratos como o caldo, o pan de centeo, a pataca e produtos de horta. Pola súa banda, a mesa da inmigración amosará os fluxos migratorios e o retorno cultural, coa incorporación de produtos como o millo americano, o azucre, o café, así como novas técnicas e sobremesas.

0.11475300788879