O Parque do Hospital de Monforte incorpora novas árboles

RibeiraSacraXa
O alcalde e membros do equipo de Goberno participaron na plantación dun novo magnóleo nesta zona
magnoleo-parque-do-hospital-moonforte
2 Apr 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou este mércores na plantación de novas árbores no Parque do Hospital, onde se incorporaron, entre outros exemplares, un cedro e un magnolio. O rexedor estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, nunha visita na que tamén se supervisaron os traballos levados a cabo pola brigada de Parques e Xardíns.

Segundo se explicou, o magnolio foi plantado xunto ao recinto de xogos infantís, nun espazo no que xa existen árbores desta especie, co obxectivo de incrementar as zonas de sombra destinadas ao lecer dos máis pequenos. Pola súa banda, o cedro situouse na parte central dunha das áreas de céspede, ao tratarse dunha especie de gran tamaño e copa ampla, especialmente axeitada para superficies verdes extensas.

A incorporación destes novos exemplares reforza o arborado do parque, que xa contaba desde a súa creación cunha ampla variedade de especies, entre as que se atopan Acer platanoides, Cedrus libani, Ginkgo biloba, Liquidambar styraciflua, Liriodendron tulipifera, Magnolia grandiflora, Prunus serrulata e Tilia platyphylos.

O Parque do Hospital, cunha superficie de máis de 8.500 metros cadrados, está situado na contorna do Hospital Comarcal e delimitado polas rúas Corredoira, Codesás e a Ronda María Emilia Casas Baamonde. Este espazo dispón de zonas de céspede con mobiliario urbano, área infantil, itinerarios peonís, unha zona de exercicio con elementos biosaudables e un aparcadoiro con 64 prazas.

Coa plantación destas árbores, destacou o rexedor, “aportamos máis sombra nun espazo de lecer e divertimento para os pequenos que dá servizo aos residentes da zona, pero que tamén é moi utilizado polo resto de veciños e veciñas de Monforte xa que se trata dun parque moi amplo e completo, cunha boa zona de aparcamento”.

0.11873197555542