O Oso de Salcedo volverá saír este luns para celebrar o Entroido

A aldea de Salcedo, na Pobra do Brollón, xa ten todo listo para celebrar o seu tradicional Entroido cun programa que inclúe teatro, concertos e diversas actividades populares, entre as que destacará a saída do Oso.
As celebracións comezan este mesmo sábado, 14 de febreiro, cunha función de teatro seguida dun concerto con Malenne e Alma DJ. O 15 de febreiro haberá actuacións do grupo Brabán Gaiteiros, un pregón a cargo de Rafa Quintía e a saída das Madamas e Danzantes acompañadas de disfraces de campo. Pola noite repetirase a función de teatro e actuará o Dúo Triada xunto co Grupo Lume e Alma DJ.
O 16 de febreiro realizaranse as saídas do Oso Pequeno e do Oso, acompañadas por charangas e grupos musicais, e celebrarase unha cea popular con food truck, que dará paso á actuación da Orquestra Suavecito.
Finalmente, o 17 de febreiro haberá outra cea popular coa Orquestra Los Players, ademais da entrega do sorteo Aceites Abril.
PROGRAMA COMPLETO DO ENTROIDO DE SALCEDO 2026