O novo equipo de hospitalización a domicilio do Hospital de Monforte incrementou en máis de 15.000 o número de pacientes atendidos

RibeiraSacraXa
Este modelo asistencial ofrece coidados de rango hospitalario no propio domicilio ao usuario e estendeu a súa cobertura aos concellos de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil
hado-monforte
8 Feb 2026

O PP de Lugo pon en valor a posta en marcha dun segundo equipo para o servizo de hospitalización a domicilio (HADO) do Hospital de Monforte que, segundo resaltan, permitiu incrementar en máis de 15.000 o número de pacientes atendidos, ao sumar á súa cobertura actual os concellos de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil. Así o salientaron as deputadas do Grupo Popular Katy Varela, Encarna Amigo e Raquel Arias, nunha visita ao complexo hospitalario.

Este segundo equipo de HADO no distrito sanitario de Monforte conta cunha dotación completa formada por un médico, tres enfermeiras e un vehículo propio, o que permite unha atención continuada, coordinada e de proximidade. Con este novo equipo amplíase a cobertura do servizo de hospitalización a domicilio a máis de 43.000 persoas, xa que agora, aos concellos de Monforte, Bóveda, A Pobra de Brollón, Pantón, Sober e O Saviñao que xa gozaban desta atención sanitaria, súmanse os municipios de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil.

A hospitalización a domicilio, explican, está dirixida a pacientes con patoloxía médica aguda, crónica agudizada ou avanzada, pacientes paliativos, así como a persoas que, tras unha intervención cirúrxica, poden continuar a súa atención na casa evitando estancias hospitalarias innecesarias. Trátase, segundo Encarna Amigo, dun servizo “clave para ofrecer coidados de calidade, evitar ingresos innecesarios, mellorar a calidade de vida dos pacientes e reforzar unha atención sanitaria máis humana e cercana”, especialmente “nunha provincia como a de Lugo cunha poboación cada vez máis envellecida e con alta prevalencia de enfermidades crónicas”.

Ademais, as deputadas populares afirmaron que este modelo asistencial se apoia no desenvolvemento tecnolóxico do sistema sanitario galego. En concreto, lembraron que os profesionais de HADO dispoñen de acceso á historia clínica electrónica desde o domicilio do paciente, o que facilita a continuidade asistencial e permite xestionar en tempo real ingresos, probas diagnósticas e prescricións farmacolóxicas, mellorando a seguridade do paciente e a coordinación entre niveis asistenciais.

⚙ Configurar cookies
0.098000049591064