O Museo Pazo de Tor incopora unha nova peza da artista sarriá Violeta Bernardo

O Museo Pazo de Tor incorporou este luns unha nova creación da artista sarriá Violeta Bernardo dentro do proxecto Soterradas. A escultura, titulada Perdida en un laberinto mental, foi presentada nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e a propia autora.
A peza representa unha muller maior perdida nun labirinto físico como metáfora dun labirinto mental, e busca poñer o foco nas conexións entre a memoria, a saúde mental e a identidade feminina. Con esta incorporación, o proxecto Soterradas amplía o seu relato e engade unha nova lectura ao discurso museográfico do Pazo de Tor. Trátase, ademais, da terceira obra de Violeta Bernardo que pasa a formar parte dos fondos da Rede Museística Provincial.
Durante o acto tamén se presentaron as actividades do programa Coidarte. Museoloxía Social e Saúde, entre elas o obradoiro teatral Un fío para saír do labirinto, impartido este mesmo día no museo polas actrices Adriana Ozores e Laura Duhalde, da compañía Aescenatumejortú. O taller toma como punto de partida o mito de Ariadna e Teseo, empregando a metáfora do labirinto para acompañar ás persoas participantes na reflexión sobre os seus propios desafíos vitais. A actividade usa a arte escénica como ferramenta de benestar emocional, resiliencia e crecemento persoal.
Esta iniciativa inscríbese dentro dos obxectivos do programa Coidarte. Museoloxía Social e Saúde, que procura consolidar os museos como espazos de coidado, expresión e encontro, e que tamén inclúe outras propostas como Ioga nos museos.