O museo etnográfico de Quiroga acollerá aos últimos cabezudos das festas

RibeiraSacraXa
As últimas cabezas dos cabezudos que saíron nas festas vanse expoñer no Museo Etnográfico de Quiroga tras uns retoques.
quiroga cabezudos festas
14 Maio 2021

Os programas das festas do Corpus Christi dos anos 50 de Quiroga anunciaban procesións, concertos musicais, xogos de cucañas, fútbol, bailes populares, sesións de pirotecnia e verbenas. Pero tamén á primeira hora das mañás durante todos os días de festa, dianas e alboradas que saían acompañadas de xigantes e cabezudos.

As cabezas dos cabezudos, non as dos anos 50, pero seguramente as dos anos 60 ou 70, as últimas que saíron nas festas; vanse expoñer no Museo Etnográfico de Quiroga, unha vez que se lles de un pequeno retoque de conservación.

Estas catro cabezas estiveron durante anos gardadas no almacén do concello en espera dunha posible restauración, pero finalmente decidiuse expoñelas ao público no museo tal e como se conservan.

Os desfiles de xigantes e cabezudos na festa do Corpus, a máis importante da vila quiroguesa ata os anos 70, - década na que se comezaron a celebrar as festas de verán -, eran un atractivo para toda a veciñanza e moitos rapaces da época foron portadores dos cabezudos. Tamén bailaron ao son da música nas alboradas da zona da praza Maior na festividade do San Martiño, patrón da vila.

A orixe da tradición dos xigantes e cabezudos en moitos pobos de España está na Idade Media. Estas figuras acompañaban as procesións do Corpus Christi bailando ao son da música popular e crese que os xigantes representaban o ben e os cabezudos o mal.

cabezudos quiroga
0.16464900970459