O IES de Quiroga acolle unha mostra sobre o proceso creativo do cómic 'O paso do noroeste'

RibeiraSacraXa
A exposición atópase no vestíbulo do centro educativo e pode ser visitada en horario escolar
Expoición 'A aventura de ilustrar', Quiroga
Exposición 'A aventura de ilustrar', Quiroga
21 Nov 2024

O Instituto de Educación Secundaria (IES) de Quiroga acolle, ata o próximo 26 de novembro, unha exposición sobre o proceso creativo do cómic 'O paso do noroeste'. A iniciativa, promovida polas Concellerías de Educación e Normalización Lingüística do Concello de Quiroga, conta co patrocinio e financiamento da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A exposición xorde con motivo da recente publicación da adaptación ao cómic da novela de Xavier Queipo, 'O paso do noroeste', e está a cargo do autor dos debuxos, Primitivo Marcos. Esta mostra itinerante, de carácter divulgativo e pedagóxico, ten como obxectivo achegar ao público en xeral, non acostumado a valorar este tipo de traballos, o proceso creativo que se agocha tras a narración dunha historia a través de imaxes.

A actividade consta de dúas partes: unha exposición de orixinais con información detallada sobre o proceso creativo dun cómic e unha charla final sobre ilustración.

A exposición atópase no vestíbulo do centro educativo e pode ser visitada en horario escolar. Está dirixida principalmente ao alumnado, ao profesorado e ás familias, aínda que tamén está aberta a calquera persoa interesada, allea á comunidade educativa.

A mostra foi visitada recentemente polo concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Manuel Fernández; o director do IES de Quiroga, Fabio Mascareñas; e o propio autor dos debuxos, Primitivo Marcos. A exposición inclúe paneis explicativos sobre o proceso creativo, xunto cos debuxos orixinais que reflicten as diferentes etapas da creación do cómic.

Como peche desta actividade, o ilustrador Primitivo Marcos ofrecerá unha charla no salón de actos do IES de Quiroga o próximo 27 de novembro, en horario de 12.50 a 14.30 horas, dirixida ao alumnado de 1º da ESO. Durante a conferencia, trataranse temas relacionados coa ilustración, así como a figura de Castelao como referente emblemático neste ámbito en Galicia.

0.18767595291138