O IES de Quiroga acolle a mostra ‘Galegoza. A canción en galego’

RibeiraSacraXa
A exposicion está formada por unha trintena de paneis que repasan o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual
inauguracion-galegoza-quiroga
Inauguración da mostra ‘Galegoza. A canción en galego’ en Quiroga
16 Jan 2025

O IES de Quiroga acolle a mostra ‘Galegoza. A canción en galego’, impulsada pola Vicepresidencia da  Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma.

A deputada de Cultura Iria Castro e o concelleiro de Servizos sociais,  Participación e Dinamización Lingüística Xosé Manuel Fernández e  concelleira de Educación Maite Pérez visitaron este mércores o centro, acompañados polo equipo directivo e o profesor de música, que explicaron que empregarán os contidos da exposición noutras actividades do centro como o podcast Ondas Bravas.

A deputada de Cultura Iria Castro destacou “a boa acollida que a  exposición esta a ter nos centros por parte do profesorado e do alumnado, que ten a posibilidade de achegarse a música en galego cunha  perspectiva global e libre de prexuízos” e valorou “a potencialidade das  cancións en galego como ferramentas para a dinamización da lingua”.

Neste sentido, subliñou que “o momento excepcional que vive a música en  galego e as facilidades de escoita que ofrecen as novas tecnoloxías  supoñen unha oportunidade que, con iniciativas coma esta, tratamos de aproveitar”

O concelleiro Xosé Manuel Fernández sinalou o interese da mostra: "Facía falta recoller nunha exposición coma esta a nosa traxectoria como pobo no eido musical, para poñer en valor que tivemos e temos presenza en todos os estilos musicais, podendo presumir ademais de creatividade e calidade". Na mesma liña, Maite Pérez destacou "a oportunidade que ofrece para investigar e coñecer novos grupos" e fomentar "a cultura musical, que é parte da nosa vida".

Un percorrido pola historia da música en galego

A exposición está formada por unha trintena de paneis que repasan o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis influentes en diferentes estilos -ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap-.  A mostra incorpora códigos QR cunha ligazón directa a unha lista de reprodución propia do proxecto para poder escoitar unha escolma de temas representativos da evolución descrita nos paneis.

A mostra, comisariada por Pepe Cunha e deseñada pola directora de arte Belén Freijeiro, estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr Afonso de Sarria e, nas últimas semanas, estivo no IES Pedregal de Irimia de Meira, no IES  Lucus Augusti e no IES Río Cabe de Monforte. A próxima parada de Galegoza nesta itinerancia polas comarcas será o IES Lama das Quendas de Chantada.

0.1131489276886