O Grupo de Teatro do Hospital de Lugo leva este domingo a Pantón a función “Asasinato na tenda de roupa”
A Casa da Cultura de Pantón acollerá este domingo ás 18.00 horas a representación da obra ‘Asasinato na tenda de roupa’, a cargo do Grupo de Teatro do Hospital de Lugo.
A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo e a representación está dirixida ao público de todas as idades.
Esta obra de Pepe Vázquez Peinó cuxo director é Carlos Rebolo, ten unha duración de 60 minutos e conta a historia de Dona Katiusca, propietaria dunha tenda de roupa que dirixe cunha actitude claramente tiránica. Na vida desta muller agóchanse unha chea de maldades e trampulladas. Un día calquera, a tenda énchese de clientas. Todo transcorre con normalidade ata que se descobren varios cadáveres. A situación complícase, pero aparecen en escena o gran detective Sherlock Sánchez e máis o seu axudante Cirilo Burrámez, que conseguen resolver os crimes e desentrañar os segredos de Dona Katiusca.