O Goberno local da Pobra de Brollón comezou co reparto de garrafas de auga
O Goberno local da Pobra de Brollón comezou co reparto de garrafas de auga ás casas para asegurar que persoas de colectivos vulnerables poidan acceder a auga potable.
"É unha medida que tomamos debido á presencia de lodo na auga de consumo de gran parte de núcleos do municipio da Pobra do Brollón", indicaron.
Esta situación é causada polas chuvias torrenciais dos últimos días, unido ao estado do monte tras os incendios do ano pasado e as consecuentes sacas de madeira, que provocaron arrastres que enchen de lodo os ríos Loureiro e Lor.
O alcalde Xosé Lois Maceda está en conversa con outras institucións para tratar de arranxar a situación, entre elas, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Ata novo aviso, recomendan non consumir a auga de billa. "Estamos a repartir garrafas de auga aos usuarios de Axuda no Fogar e a aquelas casas onde viven persoas de colectivos vulnerables, atendendo a criterios económicos, de mobilidade ou de falta de rede de apoios", di.
Aquelas veciñas ou veciños nesa circunstancia de vulnerabilidade das que non teñan coñecemento nas oficinas de Servizos Sociais, poden contactar para que a súa situación sexa avaliada.