O Goberno inviste máis de 3,2 millóns na mellora do firme da N-120 ao seu paso por Quiroga

RibeiraSacraXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, supervisou os traballos de fresado e reparación nun dos tramos máis deteriorados da vía
traballos-n-120-quiroga
11 Mar 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou este martes as obras de mellora que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está a executar na estrada N-120 ao seu paso polo concello de Quiroga. A actuación conta cun investimento superior aos 3,2 millóns de euros e ten como obxectivo rehabilitar o firme dun dos tramos máis deteriorados da rede estatal na provincia.

Durante a visita, López destacou que esta intervención forma parte do “esforzo inversor que o Goberno está a realizar para reparar e modernizar a rede de estradas do Estado na provincia de Lugo, prestando especial atención aos tramos que presentan un maior desgaste”. No operativo traballan actualmente máis de 20 persoas e seis camións co obxectivo de avanzar na reparación da vía “canto antes”.

As obras céntranse no fresado do pavimento existente e na posterior reposición e reparación do firme. Con estes traballos preténdese mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade nun tramo que sufriu un notable deterioro debido ao uso intensivo da estrada e ás condicións meteorolóxicas rexistradas nos últimos meses.

A subdelegada explicou que os traballos comezaron en canto foi posible desde o punto de vista técnico, tras un inverno marcado por unha situación meteorolóxica adversa. Segundo indicou, as obras iniciáronse “en canto as condicións meteorolóxicas o permitiron”, despois dun período caracterizado por case tres meses consecutivos de borrascas e choivas intensas que dificultaron as tarefas de conservación viaria.

Neste sentido, López afirmou que “o Goberno de España actuou con rapidez en canto foi posible desde o punto de vista técnico”, e engadiu que “as condicións climatolóxicas teñen unha influencia directa neste tipo de obras e é imprescindible garantir que se executen nas circunstancias adecuadas para que sexan duradeiras e eficaces”.

Así mesmo, a subdelegada sinalou que o Executivo é consciente das queixas expresadas polas persoas usuarias da vía e subliñou que “somos sensibles ás necesidades da veciñanza e das persoas que utilizan diariamente esta estrada, por iso estamos a actuar con decisión para mellorar os tramos máis deteriorados”.

López lembrou tamén o papel estratéxico da N-120 para a mobilidade e a actividade económica da provincia. “A seguridade viaria é unha prioridade. Estas obras son unha mostra do compromiso do Goberno de España co mantemento e mellora das infraestruturas que conectan os nosos concellos e facilitan a vida diaria da cidadanía”, concluíu.

0.11735701560974