O Goberno executa en Chantada obras de rehabilitación do firme na N-540 por valor de 1,2 millóns de euros

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, supervisou este mércores no concello de Chantada os traballos de rehabilitación do firme na estrada N-540, unha actuación valorada en 1,2 millóns de euros. A intervención intégrase no Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia, impulsado polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible.
Durante a visita ás obras, a subdelegada explicou que estes traballos forman parte das actuacións extraordinarias que o Goberno está a desenvolver na provincia para reparar os danos provocados polos temporais deste inverno. En total, destínanse 11,9 millóns de euros á rehabilitación de firmes nas estradas estatais da provincia de Lugo.
López destacou que o plan busca actuar con rapidez nos puntos máis afectados pola climatoloxía adversa. “Estamos a cumprir co que dixemos, actuando con planificación, con recursos e con criterios técnicos para mellorar o estado das estradas e reforzar a seguridade viaria”, afirmou.
A actuación na N-540 ao seu paso por Chantada consiste na rehabilitación do firme mediante fresado e reposición da capa de rodadura, ademais doutras intervencións complementarias relacionadas coa sinalización e a seguridade viaria.
Segundo explicou a subdelegada, o obxectivo destes traballos é recuperar as condicións óptimas de circulación nunha vía moi utilizada, mellorando tanto o confort como a seguridade das persoas usuarias. López lembrou tamén que esta estrada conta cun contrato de rehabilitación integral en execución, cuxos traballos se retomarán nas próximas semanas.
Estas actuacións forman parte do plan especial posto en marcha polo Goberno para facer fronte aos danos ocasionados polos temporais na rede viaria estatal en Galicia. No conxunto da comunidade mobilízanse 38 millóns de euros extraordinarios, dos que 11,9 millóns corresponden á provincia de Lugo.
“O Goberno de España responde con feitos e con investimento. Estamos a actuar onde máis se necesita para que as estradas estean en condicións óptimas e para garantir a seguridade das persoas que as utilizan cada día”, concluíu a subdelegada.