O Fulión volve a Manzaneda para celebrar o Entroido

O Concello de Manzaneda presenta o calendario de actividades para o Entroido 2026, que comezará o 31 de xaneiro coa tradicional Fuliada da Mourela p’acá en Palleirós. Este evento reúne as mázcaras e folións de varias parroquias, que percorren as rúas e ofrecen unha representación satírica, seguida dunha comida e dunha batalla de fariña.
O 5 de febreiro celebrarase o Xoves de Compadres, coa tradicional batalla de fariña e, ao día seguinte, 6 de febreiro, terá lugar a Cea do Lardeiro.
O Xoves de Comadres, o 12 de febreiro, volverá unha loita de fariña organizada polas mulleres e, a partir desa data, os folións percorrerán varias aldeas convidando á xente a unirse á festa con música, comida e bebida.
O 13 de febreiro será o turno dos máis pequenos coa Fuliada e ronda do alumnado do CEIP Manzaneda e da Casa Niño O Bicarelo. O 14 de febreiro continuarán as visitas de distintos folións a varias parroquias e lugares, rematando coa Cea da Lardeira.
O domingo 15 de febreiro, a fuliada trasladarase á parroquia de San Martiño, con intercambio musical entre fulións e mázcaras de lugares veciños. O luns 16, a Ronda dos Gusanitos animará a vila de Manzaneda durante a tarde.
O día grande será o martes 17 de febreiro, coa ronda de fulións dende a mañá, na que tamén participarán grupos doutros lugares próximos. A xornada rematará cunha comida popular na que se compartirán pratos típicos da gastronomía local, especialmente elaborados con carne de porco, así como doces tradicionais e bebidas, nun ambiente de convivencia e celebración.