O fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel exporá a mostra ‘Auga. O sangue da terra’ en Monforte

RibeiraSacraXa
A exposición poderá visitarse a partir do 19 de febreiro no Espazo +60 Afundación de Monforte de Lemos
Exposición 'Auga. O sangue da terra'
Exposición 'Auga. O sangue da terra'
11 Feb 2025

O Concello de Monforte de Lemos asinou un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal acollerá a mostra fotográfica Auga. O sangue da terra, do fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel. O alcalde do Concello de Monforte de Lemos, José Tomé; a tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos, Gloria María Prada; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Carlos Teijeiro; e a coordinadora institucional de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano, foron as persoas encargadas de ratificar, mediante sinatura, o acordo entre as entidades.

Esta colaboración forma parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Mediante este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

A mostra tamén está enmarcada na iniciativa Cultura por alimentos, que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita os visitantes a colaborar con esta iniciativa mediante a doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a exposición.

Auga. O sangue da terra, de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse do 19 de febreiro ao 26 de marzo no Espazo +60 Afundación de Monforte de Lemos, de luns a venres en horario de 11:30 a 13:30 h e de 16:00 a 20:00 h.

A EXPOSICIÓN

Auga. O sangue da terra realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga a través de fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do río Lor, en Lugo, foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo poñer en valor a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a súa presenza ou ausencia nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, Os estados da auga, recolle fotografías tomadas en Nova Zelandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga de estado sólido a líquido e, ao mesmo tempo, os enlaces entre a montaña e o mar.

O auga e a vida conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que forma parte da vida espiritual dos hindús e é destino sagrado de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, en China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras foron reconstruídas con terrazas nas que se cultiva o arroz.

Vivindo na escaseza é o último bloque, que trata sobre a escaseza e a ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, que, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

 

0.18406295776367