O Festival dos Eidos chega outro ano máis ao Courel
Xa se anunciou o cartel completo do Festival dos Eidos, que se celebra no Folgoso do Courel. Volven Os Eidos nesta VI edición con artistas multidisciplinares de ámbito nacional e internacional.
Esta cita celébrase todos os agostos dende 2015 con varios días de programación cultural de diferentes expresións artísticas ligadas a literatura: recitais, concertos, artes escénicas e do corpo, roteiros e visitas guiadas, obradoiros, actividades para nenos e nenas e exposicións nos diferentes espazos, entre outras.
O venres 27 terá lugar a tradicional homenaxe a Carlos Oroza, con Yolanda Castaño e Javier Romero. Branca Novoneyra conducirá este acto arredor do autor do emblemático poema antifascista Se prohibe el paso e que escribiu o seu Eléncar na casa de Novoneyra. O festival acollerá tamén a representación de E_migrantas, unha peza da compañía Kirenia Danza.
O sábado 28, Belén Gopegui ofrecerá no souto a lectura Nuestras voces, nuestras ficciones. Na Casa da Fonte terá lugar o recital central con Chus Pato, Constantino Bértolo, Sonia Marpez e, gracias á colaboración co PEN Català, Adrià Targa.
O domingo 29 terá lugar a ruta polos paxaros que poboan Os Eidos da man de Xabier Vázquez Pumariño e a representación da peza de danza Tres Tristes 2.0, de Kirenia Danza.
O festival estará atravesado polas actuacións musicais de Califato DJ set, BABYKATZE, Davide Salvado, Xico de Cariño, Su Garrido Pombo, Eladio & Uka, Román Gutiérrez, Dj Tristón, Xavi B e Sergio Canay.
Unhas xornadas cheas de actuacións culturais e música das que se poderá gozar. Así pois, os abonos xa están á venda.