O festival As Cores do Outono chega á Pobra do Brollón na súa oitava edición
Tres formacións musicais femininas encabezan este ano a programación da oitava edición de As Cores do Outono: Caamaño&Ameixeiras, Leilía e Habelas Hainas.
Este festival que se celebrará os días 24 e 25 de outubro na Pobra do Brollón, conmemora o inicio da estación outonal con propostas ligadas á música de raíz galegas.
Este ano, o cartel estará encabezado polo dúo Caamaño&Ameixeiras (Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría folk), a agrupación Leilía (formación pioneira na música tradicional de Galicia) e a consolidada agrupación Habelas Hainas.
“Traemos unha edición con tres propostas dun nivel impresionante” comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. “O cartel é un mostrario do inmenso talento das mulleres músicas galegas e o seu afán de innovación e renovación, dende as pioneiras Leilía ata proxectos máis contemporáneos como Caamaño&Ameixeiras” engade.
O sábado de festival, ademais dos tres concertos que se celebran á noite, haberá un vermú poético-musical, e pola tarde, obradoiro de baile tradicional con Montse Rivera de Leilía. Ao longo da tarde-noite, como é costume haberá barra e postos de artesanía e comida.
O domingo, como todos os 25 na Pobra do Brollón, hai feira con postos de polbo e Mercado Circular, unha nova iniciativa municipal para apoiar o consumo local e sostible. Como excepción, o mercado celebrarase na área recreativa Samugueiros, onde ao mediodía o público poderá gozar do espectáculo de circo de rúa C'est pas possible da compañía Sempre Arriba.
O acceso a toda a programación de As Cores do Outono é de balde. Pódese consultar máis información e horarios na páxina web (http://www.concellodapobradobrollon.gal/gl) e nas redes sociais do concello da Pobra do Brollón.