O espectáculo Dreaming Juliet estará en Monforte o 4 de novembro
O xoves 4 de novembro, todas as persoas interesadas no mundo do teatro, poderán gozar da obra Dreaming Juliet, no edificio multiusos de Monforte de Lemos.
Dreaming Juliet inspírase en Romeo e Xulieta de William Shakespeare para tratar "a cuestión máis esencial da existencia humana: o amor". Cunha linguaxe visual asentada no teatro de movemento, na música interpretada en directo e na danza, Dreaming Juliet crea unha poética universal da paixón.
Na peza do dramaturgo inglés os protagonistas viven un amor prohibido e idealizado, condenado pola familia de ambos. A súa intensa relación ten unha curta duración e un funesto final. Mais imaxinemos que Romeo e Xulieta non tivesen morrido e que o principal obstáculo á súa relación non fose a oposición das súas familias senón as adversidades das rutinas do mundo contemporáneo.
A obra realizarase ás 20.15 horas e levaranse a cabo todas as medidas sanitarias correspondentes.