O Entroido de Sober vivirá o seu día grande o 14 de febreiro co Desfile de Comparsas e o XVIII Baile da Cachucha.

O Concello de Sober prepárase para celebrar o Entroido 2026, que terá o seu día grande o sábado 14 de febreiro, co XVIII Baile da Cachucha e o tradicional desfile, que este ano repartirá un total de 2.000 euros en premios.
O desfile partirá ás 17:00 horas desde a Praza do Concello e, por primeira vez, haberá un premio á música en directo para quen canten ou toquen durante o desfile, con posibles accésits en diferentes categorías.
Ás 18:00 horas, a actividade continuará no pavillón polideportivo con música, inchables e xogos para os máis pequenos. Ás 19:30 horas terá lugar o concurso de disfraces infantil, que este ano incrementa os seus galardóns ao contar con tres categorías: grupos, parellas e individual. Ás 20:00 horas ofrecerase unha degustación gratuíta de cachucha e viño para todos os asistentes.
En canto aos premios, as comparsas recibirán unha participación de 60 euros, cun primeiro premio de 400 euros, segundo de 250, terceiro de 150 e cuarto de 100 euros. Os grupos contarán cunha participación de 30 euros, e premios de 120, 100 e 90 euros para os tres primeiros postos. As categorías de individual e parellas terán premios de entre 80 e 50 euros.
Para o concurso infantil, os premios para grupos serán de 80, 60 e 50 euros; para parellas de 60, 40 e 30 euros; e para a categoría individual de 40, 30 e 20 euros.
Antes do día grande, o Concello celebrará o xoves 5 de febreiro o Xoves de Compadres e o xoves 12 de febreiro o Xoves de Comadres, completando así unha programación festiva para esta edición do Entroido.