O encoro dos Peares contará cunha nova senda fluvial desde a praia da Cova

RibeiraSacraXa
O proxecto contempla unha senda de 850 metros na marxe esquerda do río grazas a un convenio entre a CHMS e o Concello do Saviñao
praia-da-cova
Praia da Cova
22 Jan 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o Concello do Saviñao asinaron un convenio para financiar e executar unha senda fluvial ao longo da marxe esquerda do río Miño, no encoro dos Peares.

O proxecto contempla a construción dun sendeiro que partirá das inmediacións da praia fluvial da Cova e estenderase uns 850 metros augas arriba, co obxectivo de ampliar as opcións de lecer e desfrute nesta zona natural. Segundo José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, “as actuacións proxectadas consisten na construción dun novo sendeiro pola marxe esquerda do Miño no encoro dos Peares, partindo da praia fluvial da Cova e rematando a uns 850 metros augas arriba da mesma, co interese de diversificar esta zona de esparexemento cara novas posibilidades de lecer.”

Esta actuación orzamentada en aproximadamente 800.000 euros será a primeira fase dun plan que prevé continuar co sendeiro ata o encoro de Belesar, ampliando así a rede de camiños fluviais nesta área emblemática. Ademais, contempla a limpeza e acondicionamento do sendeiro xa existente entre a praia da Cova e Raiñas.

Quiroga destacou o compromiso da CHMS coa conservación e valorización do entorno natural, subliñando que “queremos destacar o noso firme compromiso de colaboración para executar proxectos que preserven, melloren e valoricen a riqueza natural e paisaxística coa que conta esta demarcación; neste caso concreto, executarase un sendeiro fluvial, nas marxes do encoro, nunha zona tan emblemática e única como a Ribeira Sacra.”

Con esta iniciativa, búscase fomentar o turismo sostible e ofrecer novas alternativas de lecer nunha zona de gran valor ambiental e cultural.

⚙ Configurar cookies
0.076587915420532