O Cume Tapas regresa dous anos despois co erotismo como protagonista
A primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, participou no acto de presentación da 12ª edición do evento Cume tapas Erótico, certame organizado pola delegación en Monforte da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo.
Estas xornadas gastronómicas, que este ano xiran arredor do erotismo, desenvolveranse en oito restaurantes e bares de Monforte dende este sábado 21 de maio e ata o domingo 5 de xuño.
No acto de presentación do Cume Tapas, ademais da 1ª tenente de alcalde, estiveron presentes o secretario da Asociación de Hostaleiros de Lugo, Jacobo García Bobadilla, o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo en Lugo, Gerardo Criado Guizán, así como diversos membros da corporación municipal, autoridades e representantes do sector hostaleiro. O acto foi presentado pola xornalista Manola Porto.
Na súa intervención, Gloria Prada destacou e agradeceu á Asociación de Hostaleiros de Lugo a recuperación deste certame gastronómico, logo de que dende o ano 2020 se tivera que suspender a súa celebración pola pandemia da Covid-19.
DEZ ANOS DE VIDA
“Logo de máis dunha década de celebración”, recordou a tenente de alcalde, “o Cume Tapas está máis que consolidado e é xa un clásico, polo que quero trasladar a miña noraboa á Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría de Lugo, e especialmente á súa delegación da zona sur, cuxa sede atópase en Monforte de Lemos, e agradecerlle tamén o seu esforzo e traballo por recuperar esta cita tras superar uns tempos complicados”.
A representante municipal salientou que “aínda que Monforte xa é un referente do turismo gastronómico, a celebración do Cume Tapas vén a reforzar aínda máis esta realidade que entre todos seguiremos potenciando”.
REIVINDICACIÓN DA DIVERSIDADE
Tamén explicou a tenente de alcalde que “a decisión de adicalo ó erotismo, dende o concello parécenos unha decisión fabulosa porque fai unha defensa da diversidade de xénero que é un dereito dentro da nosa sociedade e que, desgraciadamente, en moitos casos non se respecta”.
“Por iso, queremos unirnos hoxe ás reivindicacións que este Cume Tapas Erótico nos aporta este ano e agardamos que serva para normalizar a diversidade sexual e a libertade para escoller a quén e cómo amar.”
O EROTISMO, SEMPRE PRESENTE
Neste senso, a proposta da Asociación de Hostalería é que os establecementos participantes presenten tapas diferentes, nas que elementos como o picante ou o afrodisíaco teñan un papel especial e convertan a súa degustación nun momento simpático e divertido.
Así, tamén na presentación cobrou protagonismo a presencia dunhas Drag Queens, como símbolo de todo o que quere transmitir este Cume Tapas Erótico, é dicir, facendo un guiño ó amor libre e á diversidade de xénero.
Para rematar a representante do Concello animou tanto ós veciños da cidade como a todos os turistas e visitantes que nestes días se achegan a Monforte e á Ribeira Sacra a participar neste evento e degustar as orixinais elaboracións que conforman este Cume Tapas Erótico.