O Concello de Taboada pon fin este domingo ao Ciclo Mestre Mateo

Este domingo 16 de novembro, ás 20:00 horas no Cuartel Vello, o Concello de Taboada proxectará a última entrega do Ciclo Mestre Mateo, coa película ‘Aurora’, galardoada como mellor documental no certame.
A película narra a relación entre Aurora e Area, dúas mulleres procedentes de mundos moi diferentes e cunha gran diferenza de idade entre elas. A través da súa historia, establécese un vínculo profundo de intimidade e confianza, con conversas que abordan temas como a morte, a familia, a guerra e o papel da muller.
Este ciclo de proxeccións foi posible grazas ao impulso da Área de Cultura da Deputación de Lugo (Vicepresidencia), que apoiou a iniciativa cultural na comarca. A entrada é libre e aberta a todo o público interesado.