O Concello de Taboada iniciará nos próximos meses traballos de mellora en varios accesos municipais

O Concello de Taboada anunciou que, ao abeiro do "AGADER - Plan de mellora de camiños municipais 2026-2027", se levarán a cabo nos próximos meses dúas actuacións para mellorar de forma substancial a rede viaria do municipio.
A primeira intervención inclúe a reparación das dúas entradas da aldea e do interior do núcleo de Vilariño, que se atopaban en mal estado debido ao elevado tránsito de vehículos pesados. A obra abranguerá un tramo de 1,5 km, garantindo un acceso en condicións óptimas para a veciñanza.
A segunda actuación centrarse-á no acceso á aldea de Deilás, na parroquia de Bembibre. A mellora comezará desde a LU-611, tamén en obras, ata o cruce cara á capela. Nesta primeira fase actuarase sobre un tramo de medio quilómetro, deixando o tramo final para unha intervención posterior. Esta actuación permitirá un acceso máis cómodo e seguro a Deilás.
O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, destacou que estas obras forman parte do compromiso do municipio por seguir mellorando as infraestruturas locais, “dando resposta ás necesidades da veciñanza de acordo coas posibilidades existentes e aplicando criterios obxectivos que veñen dando bos resultados”.