O Concello de Quiroga pide solucións urxentes polo estado da N-120

RibeiraSacraXa
Agradecen as xestións realizadas pola Subdelegación do Goberno pero insisten en que os traballos se fagan o antes posible
n-120-quiroga
N-120, Quiroga
10 May 2025

No mes de novembro de 2024, o equipo de goberno do Concello de Quiroga poñíase en contacto coa subdelegada do Goberno para pedirlle que realizase as xestións necesarias ante a Dirección General de Carreteras e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, co fin de dar solución a un problema de seguridade viaria que se está dilatando no tempo. O obxectivo é que a estrada N-120 manteña a categoría que lle corresponde.

“A referida estrada atópase nun estado moi precario, especialmente ao seu paso por Quiroga, feito que se vén denunciando dende fai anos, con fochancas e fendiduras no firme que non só dificultan a circulación senón que poñen en perigo a seguridade viaria e prexudican a integridade dos vehículos”, sinalaron dende o Concello. Ademais, en ocasións puntuais, “o servizo de mantemento fai recheos de fochancas, pero a solución é tan precaria que as inclemencias meteorolóxicas e o tráfico de vehículos fan saltar o parcheado provisional de novo”.

A resposta por parte da Subdelegación do Goberno foi inmediata, explican os responsables municipais. Dende esta institución informouse que se atopa en redacción o proxecto de rehabilitación de firmes da N-120 entre os puntos quilométricos 472 e 535, e que está previsto priorizar as actuacións nesta estrada en 2025, dentro do contrato marco de conservación de firmes da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia.

Os responsables municipais agradeceron as xestións realizadas pola Subdelegación do Goberno. Non obstante, recordaron que seguirán insistindo na necesidade de que estes traballos se acometan o antes posible, xa que a N-120 é unha vía moi utilizada a diario polos veciños e veciñas do municipio de Quiroga.

⚙ Configurar cookies
0.17470002174377