O Concello de Quiroga e o Catastro avalían os avances no servizo de xestión catastral local

A casa consistorial de Quiroga acolleu unha xuntanza entre o alcalde, José Luís Rivera, e o xerente territorial de Catastro, Luis Fernando Jácome, no marco da comisión de seguimento anual. Neste encontro analizáronse as variacións nos valores catastrais do último ano e revisáronse os trámites realizados nos últimos meses.
Durante a reunión destacou que Quiroga foi o primeiro concello en adaptar todos os seus núcleos como zona urbana. Ademais, tratouse o procedemento para modificar o uso ou cultivo rexistrado das fincas, un trámite que agora se pode xestionar directamente dende o Concello a petición dos propietarios.
A principios de ano, o Concello asinou un convenio coa Dirección Xeral de Catastro para facilitar xestións aos veciños, evitando desprazamentos a Lugo. A través do Punto de Información Catastral, os propietarios poden solicitar documentación e recibir asesoramento.
No pasado mes de decembro, o Pleno aprobou a ordenanza fiscal que regula a taxa pola expedición de documentos de acreditación catastral, mantendo o mesmo importe que se abona na Dirección Xeral de Catastro.