O Concello de Quiroga agradece a ola de solidaridade ante a vaga de incendios que afecta ao territorio

O Concello de Quiroga expresou este mércores o seu agradecemento polas múltiples mostras de solidariedade que está a recibir de toda Galicia mentres continúa a loita contra os incendios que afectan a parte do municipio e da comarca.
Desde primeiras horas da mañá, o pavillón municipal converteuse no punto de recollida de material para os equipos que traballan na extinción. Alí están a chegar botas, luvas, cantimploras, apagalumes e outros utensilios necesarios, así como alimentos e bebidas que veciños e voluntarios levan para apoiar ás persoas que colaboran sobre o terreo.
Segundo informou o Concello, só na tarde de onte, arredor de corenta voluntarios pasaron polas instalacións para recoller parte deste material antes de incorporarse ás tarefas de extinción.
As autoridades locais destacaron tamén a implicación dos negocios de alimentación, bares e a gasolineira da vila, que están a colaborar de maneira continua co abastecemento. Ao mesmo tempo, lembran que o pavillón municipal permanecerá aberto toda a noite para ofrecer un espazo de descanso a quen o precise.
Ademais, o Concello puxo as instalacións á disposición dos veciños das aldeas máis afectadas polo lume que decidan abandonar as súas casas de maneira preventiva, garantindo así un lugar seguro e asistencia básica durante a emerxencia.