O Concello de Pantón e Iberik Augas Santas asinan un acordo para ofrecer descontos á veciñanza

O Concello de Pantón asinou un convenio de colaboración con Iberik Hoteles Augas Santas Balneario & Golf para ofrecer á veciñanza do municipio condicións especiais nos servizos do balneario. Este acordo, que terá unha vixencia dun ano, busca fomentar hábitos de vida saudables e mellorar o benestar da poboación local.
Poderán beneficiarse destas vantaxes todas as persoas empadroadas en Pantón que acrediten a súa residencia mediante un certificado de empadroamento actualizado. Entre as condicións acordadas, o balneario ofrecerá prezos reducidos no circuito termal, cunha tarifa de 15 euros para adultos e 10 euros para menores de 12 anos. Ademais, aplicarase un desconto do 20 % nas técnicas termais para os veciños e veciñas do Concello.
Os descontos estarán dispoñibles de luns a venres, sempre que non coincidan con días festivos. Para desfrutar destas condicións será necesario reservar cita previa e presentar o certificado de empadroamento con unha antigüidade máxima de tres meses.