O Concello de Monforte saca a licitación a cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela

RibeiraSacraXa
O servizo dará cobertura tanto á Piscina Municipal como ao pavillón e forma parte do proxecto de reforma e modernización integral deste complexo
cafeteria-pinguela
9 Apr 2026

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou o inicio do procedemento para adxudicar o servizo de cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela, recentemente reformado. O anuncio de licitación publicouse este xoves na Plataforma de Contratación do Sector Público, e o prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata o 24 de abril.

O contrato tramítase mediante concesión demanial e establece un canon mínimo de 400 euros mensuais (4.800 euros anuais), máis os impostos correspondentes. A duración inicial será de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais, sen que a concesión poida superar os catro anos no total.

O espazo destinado a cafetería conta cuns 105 metros cadrados, está completamente equipado e dispón dunha ampla cristalería con vistas ás piscinas. O servizo dará cobertura tanto á Piscina Municipal como ao pavillón, o que, segundo o Concello, permitirá atender a un elevado número de usuarios, entre deportistas, clubs, persoal técnico e público asistente a eventos.

“Son moitas as persoas usuarias que utilizan diariamente estas instalacións e queremos ofrecer un servizo de calidade”, sinalou o alcalde ao referirse a este novo servizo. A cafetería deberá funcionar durante todo o ano, cun calendario e uns horarios mínimos establecidos, que inclúen apertura tanto en días laborables como en fins de semana e festivos. No caso de eventos deportivos, o adxudicatario deberá adaptar a apertura do servizo ás necesidades das competicións, ampliando o horario se fose necesario.

O proxecto enmárcase na modernización do Complexo Deportivo da Pinguela, que foi obxecto dunha reforma integral tanto no pavillón como na piscina, cun investimento global que supera os seis millóns de euros, co obxectivo de dispoñer duns equipamentos “modernos, eficientes e adaptados” ao uso deportivo e cidadán.

0.11769795417786