O Concello de Monforte renovará por completo o saneamento do Polígono Industrial do Reboredo

O Concello de Monforte de Lemos renovará todo o saneamento do Polígono Industrial do Reboredo. Así o anunciou este sábado o alcalde, José Tomé Roca, tras negociar unha modificación do convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). A addenda, que incrementa o investimento total en preto dun millón de euros, será sometida á aprobación do Pleno da Corporación na sesión ordinaria prevista para o luns 23 de febreiro.
Segundo informou o rexedor, a modificación do acordo, que foi asinado en 2023, conta con todos os informes favorables e permitirá acometer unha obra complementaria que suporá a renovación integral do saneamento do polígono empresarial. En concreto, executaranse redes separativas de augas pluviais e residuais en todas as rúas do recinto industrial, mediante a instalación de dúas tubaxes paralelas en cada vía, co obxectivo de mellorar a eficiencia da depuradora.
O orzamento inicial do convenio ascendía a 4.708.154,36 euros, dos que 4.001.931,21 euros (86,65%) correspondían á CHMS e 706.223,15 euros (13,55%) ao Concello. Coa modificación, que incorpora 930.000 euros adicionais, o investimento total elévase ata os 5.638.154,36 euros. Desta cantidade, 4.885.431,21 euros serán achegados pola CHMS e 752.723,15 euros polo Concello.
A addenda inclúe tamén unha ampliación dun ano no prazo de execución, que se estenderá ata 2027. O alcalde subliñou a “importancia desta inversión, que suporá unha mellora aínda máis significativa no saneamento e depuración do Polígono do Reboredo, xa que o sistema separativo de pluviais e residuais é fundamental para optimizar o tratamento das augas e previr a contaminación”. As obras, indicou, “consistirán na instalación de redes independentes para pluviais e residuais mediante dúas tubaxes paralelas en cada rúa do Polígono, producindo unha maior eficiencia da depuradora”.
Tomé lembrou que a nova EDAR, actualmente en fase de execución, “é froito do empeño do meu Equipo de Goberno por mellorar a calidade da depuración do polígono e adaptala á ampliación que impulsamos, co obxectivo de que esta área industrial poida seguir medrando”. Neste sentido, destacou a necesidade dunha infraestrutura destas características para dar servizo a unha superficie industrial que, “coas ampliacións que temos en marcha, contará con 800.000 m2”, e engadiu que “a antiga depuradora era insuficiente, e non tiña a capacidade de depuración que hoxe se require”.
En relación ás anualidades, o novo reparto establece que a CHMS achegará 73.985,15 euros en 2023; 106.250,00 en 2024; 2.051.576,05 en 2025; 2.470.120,01 en 2026; e 183.500,00 en 2027, ata completar os 4.885.431,21 euros. Pola súa parte, o Concello asumirá 13.056,20 euros en 2023; 18.750,00 en 2024; 362.042,83 en 2025; 312.374,12 en 2026; e 46.500,00 en 2027, sumando un total de 752.723,15 euros. A estas cantidades municipais engádese o custo do terreo onde se sitúa a nova EDAR, unha parcela de 5.000 metros cadrados adquirida por 117.975,00 euros (19,50 €/m2 máis IVE) á entidade Suelo Empresarial del Atlántico.
Sobre as características técnicas, o alcalde explicou que a nova depuradora “terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliacións que temos en marcha, incluso se duplicáramos o que hai neste momento”. A infraestrutura poderá funcionar por módulos para garantir o cumprimento dos parámetros normativos e contará con posibilidade de ampliación na parcela colindante onde se atopa a actual depuradora.
“Esta actuación contribúe tamén á mellora medioambiental, xa que as augas depuradas vanse entubar dende a saída da depuradora do polígono ata a depuradora de Piñeira, sen ningún vertido, o que significa que o regato do Carballo volverá a ter vida, recuperando o seu estado orixinal”, salientou Tomé.
A nova EDAR está prevista para tratar 1.000 metros cúbicos diarios de residuos e estará preparada para xestionar vertidos específicos, como os procedentes da industria láctea. Inclúe tamén a execución dun emisario de máis de 1,5 quilómetros ata o río Cabe. O deseño contempla dúas liñas de tratamento construídas e a posibilidade dunha terceira, con reactor biolóxico e decantador secundario adicionais, mentres que o pretratamento e a liña de lodos quedarán dimensionados para asumir o caudal futuro previsto.