O Concello de Monforte renova a iluminación do Paseo Fluvial no tramo xunto á Rúa Rof Codina

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Servizos e Medio Rural, José Luis Losada, supervisou recentemente as obras de renovación da iluminación do Paseo Fluvial no tramo paralelo á Rúa Rof Codina, que abrangue desde a Ponte Nova ata a Gardería Municipal.
Este paseo, que ata agora era terreo natural compactado e sen pavimentar, foi acondicionado o pasado novembro con formigón semipulido de cor terra xabre, similar ao existente na Rúa do Conde e no Parque da Gardería. Esta actuación foi impulsada polo equipo de goberno, xa que era o único tramo urbano do paseo fluvial que quedaba sen acondicionar tras o encauzamento realizado arredor do ano 2003 pola Confederación Hidrográfica do Norte.
Con esta obra, o equipo de goberno continúa a mellorar o paseo do río desde a Ponte Nova, percorrendo toda a Zona C ata a zona de Cobas, unha área da cidade onde se levaron a cabo importantes actuacións nos últimos anos que supuxeron un antes e un despois para este barrio.
Para potenciar o valor desta parte da cidade e do río Cabe, instaláronse 11 columnas completas con luminarias, protexidas contra a corrosión mediante galvanización en quente por inmersión e acabado con pintura de base poliuretano, con imprimación anticorrosiva previa. As columnas colocáronse cunha distancia de 20 metros entre si.
O orzamento destinado a esta actuación foi de 35.000 euros e, tal como destacou o alcalde José Tomé, representa unha nova mellora para esta zona que complementa outras accións realizadas polo equipo de goberno, cumprindo así co compromiso adquirido coa cidadanía de mellorar as infraestruturas municipais.