O Concello de Monforte presenta o cartel oficial da XXII Feira Medieval

O Concello de Monforte presentou esta mañá o cartel oficial da vixésimo segunda edición da Feira Medieval que, coma sempre, festéxase o sábado e domingo de Semana Santa, coincidindo este ano cos días 4 e 5 de abril. O alcalde, José Tomé, acompañado da Tenente de alcalde, Gloria Prada, e dos responsables municipais de Cultura e Promoción Económica e Emprego, avanzou que o programa completo se dará a coñecer durante o Mercado para a Medieval, que este ano celebrarase a fin de semana do 21 e 22 de marzo, no recinto expositivo da Praza de Abastos.
Durante a presentación do cartel, Tomé quixo lembrar que o Concello de Monforte leva xa dous anos agardando pola declaración de Feira de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta para a Feira Medieval, un recoñecemento que di, “é de xustiza porque cumprimos os requisitos e merecémolo: 20 anos de celebración continuada, singularidade cultural, calidade na programación e na posta en escena e, desde logo, capacidade de atraer a miles de visitantes non só a Monforte, senón ao conxunto da Ribeira Sacra”. Neste senso, destacou que a Feira Medieval de Monforte “é un evento consolidado no calendario festivo de toda Galicia e mesmo de fóra da comunidade”, facendo unha referencia histórica ao feito de que foi o Conde de Galicia, D. Froila Díaz, “quen no ano 1104 concedeu autorización para facer feiras no Burgo medieval arredor de San Vicente”.
Trala presentación a semana pasada do vídeo promocional, que acadou máis de 30.000 visualizacións en poucas xornadas, o cartel dá continuidade á campaña iniciada polo Concello para dar difusión a esta feira.
O cartel deste ano, explicou o alcalde, está elaborado por unha empresa monfortina experta en deseño, ao fronte da cal está Lidia Alonso. A proposta “é un deseño sobrio e solemne, pero visualmente moi impactante” e a figura central “é a imaxe dun guerreiro coa cabeza inclinada, que agarra con forza e firmeza a súa espada, nun xesto de respecto e humildade e, penso eu, tamén de lealdade á Monforte, ao noso pasado medieval, que regresa a estes tempos para ser desfrutado polos monfortinos e os miles de visitantes que se achegan cada ano”. Na vestimenta do guerreiro destaca notablemente o escudo de Monforte nunha versión medieval, “o que reforza aínda máis o sentimento de pertenza a un territorio, neste caso, ao Condado de Lemos”. Tamén resaltan as letras e número da edición, “dando relevancia ao nome da nosa Feira, á súa lonxevidade e á cidade que a acolle”, destacou o Alcalde.
En definitiva, remarcou Tomé, trátase dun cartel “moi potente que realza a nosa identidade medieval e que transmite a posibilidade de vivir un evento especial e único nun lugar como Monforte, cun pasado medieval que se respira en todo o recinto da feira, coroado pola impoñente Torre da Homenaxe”.
O cartel empezará a distribuírse desde hoxe por toda Galicia, nas principais cidades, e tamén nos eventos da contorna, como pode ser a Feira do Viño de Sober, que se celebra o fin de semana anterior á feira. “A nosa idea é, coma sempre, facer unha intensa promoción desta festa para atraer visitantes a Monforte e dinamizar sectores como o comercio e a hostalería”, indicou Tomé.
Pola súa banda, respecto ao Mercado para a Medieval, o alcalde avanzou que este ano contará con 12 postos nos que se poderán adquirir traxes medievais, accesorios, complementos ou servizos de perruquería e maquillaxe e, como en ocasións anteriores, ofrecerá un desfile de traxes e complementos que se fará no exterior, se o tempo o permite. Haberá tamén un espazo dedicado a decoración e ambientación para hostalería e restauración, con propostas para decoración de terrazas e comedores a cargo de profesionais do sector de eventos.
O evento incluirá un concurso de repostería e pastelaría, no que o público poderá votar o seu doce favorito en tres categorías: tradicional, innovador e creativo. Os premios entregaranse o domingo, e farase un sorteo entre os participantes.
Será no marco deste Mercado cando se presente programa completo da XXII Feira Medieval, concretamente na inauguración do evento, o sábado 21, ás 11.30 horas. Polo de agora, o Alcalde avanzou que o mercado medieval contará con 140 postos de todas as variedades de artesanía medieval.