O Concello de Monforte mobiliza 14.994 euros en axudas ao transporte para estudantes

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este martes a concesión de axudas ao transporte para estudantes universitarios, de bacharelato e ciclos formativos durante o curso académico 2025-2026.
Na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 29 de decembro aprobáronse subvencións por un importe total de 14.994 euros, que se repartirán entre 55 beneficiarios que cumpriron os requisitos.
Estas axudas teñen como finalidade cubrir os gastos de desprazamento do alumnado empadroado en Monforte que realiza os seus estudos fóra do municipio, xa sexa en universidades ou en ciclos de formación profesional e bacharelato que non se ofertan localmente ou nos que non obtiveron praza.
O importe das subvencións varía entre 200 e 600 euros por solicitante, dependendo da renda per cápita familiar, excluíndose as familias cunha renda superior a 12.000 euros anuais.
O alcalde destacou que “con esta liña de axudas, desde o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso Concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade”.
Para poder acceder ás axudas, os interesados deben estar empadroados en Monforte e matriculados no curso 2025-2026 nalgún centro situado fóra do municipio. O Concello fará efectivo o reparto destas subvencións para apoiar a formación e mobilidade dos estudantes locais.