O Concello de Monforte inviste máis de 50.000 euros na mellora do firme das rúas Lagares e Santa Clara

RibeiraSacraXa
O prazo de execución dos traballos será de 1 mes nos dous casos
tome-novo-proxecto-mobilidade-monforte
24 Sep 2025

O Concello de Monforte levará a cabo obras de renovación do pavimento en dúas das súas rúas máis transitadas, Lagares e Santa Clara, cun investimento conxunto de 51.753,25 euros.

A Xunta de Goberno aprobou o pasado luns, 22 de setembro, a adxudicación dos proxectos á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A., que disporá dun prazo dun mes para a execución en cada unha das vías.

Na rúa Lagares, a actuación contará cun orzamento de 26.211,03 euros. Os traballos abranguen 220 metros de lonxitude cun ancho medio de 5,97 metros, onde se realizará un fresado completo do firme, a extensión dunha nova capa de rodadura de 5 centímetros de aglomerado en quente e, finalmente, o pintado de marcas viais e símbolos.

No caso da rúa Santa Clara, o investimento ascende a 25.542,22 euros. Trátase tamén dunha intervención integral nun tramo de 220 metros de lonxitude e 6,10 metros de ancho, que inclúe o mesmo proceso de rexeneración do firme e pintado posterior de sinalización horizontal.

O alcalde, José Tomé, destacou a importancia desta nova intervención viaria, e afirma que “coa adxudicación destes novos proxectos continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende 2015, e que suporá unha moi significativa mellora nestas rúas do Concello”.

⚙ Configurar cookies
0.10436797142029