O Concello de Monforte investirá máis de 400.000 euros na mellora de vías municipais

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de informar da licitación de varios proxectos de mellora de vías municipais incluídas no programa de melloras das infraestruturas do Concello, tanto no eido urbano como no medio rural, desenvolto polo equipo de goberno monfortino.
As actuacións que se van facer son de índole diferente, de tal modo que, por un lado, saen a licitación a mellora do pavimento da rúa Ourense e de varias vías municipais en Ribasaltas e, por outro, e ao mesmo tempo, anúnciase a licitación da prolongación da rúa Roberto Andrade, que terá saída á rúa Santiago.
En canto ao primeiro proxecto mencionado, a mellora do pavimento da rúa Ourense, tal e como explicou o alcalde, “trátase dun proxecto de mellora que vén motivado polas eivas que dende o Concello detectamos en canto ao desgaste do seu pavimento nalgunhas zonas, que inciden negativamente nas condicións do tráfico”.
O proxecto de actuacións sobre esta rúa consistirá no fresado e na reposición da capa de rodadura deste vial urbano ao longo de 620 metros lineais, e na renovación da súa sinalización horizontal, co pintado de marcas viarias, símbolos e cebreados. Trátase dunha superficie total de actuación de 5.495 m² entre o entronque coa Avda. de Galicia e a rúa do Río.
En segundo lugar, tamén hai que falar da licitación da mellora de pavimentación en varias rúas municipais en Ribasaltas. Esta actuación abranguerá unha lonxitude total de 1.895 metros, cun ancho medio de 4,30 metros, e unha superficie total de 8.160 m², e suporá a renovación do firme existente a través de triple rego asfáltico e aglomerado en quente de 5 cm en todos os viais da marxe esquerda de Ribasaltas, incluída a zona da área recreativa.
Tamén se mellorará o acceso central desde a área recreativa cara á estrada provincial, alongando o primeiro tramo do mesmo ata os 6 metros e creando, nunha parcela municipal colindante, unha área verde, con plantación de arboledo, céspede e colocación de mobiliario urbano.
“Este proxecto”, explica o alcalde, “mellorará un conxunto de vías que son moi utilizadas polos veciños de Ribasaltas, e especialmente a estrada que conduce á actual área recreativa e local social, polo que é necesario renovar o seu firme, a fin de dar un mellor servizo aos usuarios e aos veciños desta parroquia de Monforte”.
Xa por último, vaise licitar o proxecto da prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade, que terá saída á rúa Santiago. Esta prolongación terá unha lonxitude total de 57 metros, cun ancho medio de 12,14 metros e unha superficie de 692 m². “Isto é un compromiso do equipo de goberno que xa anunciara no Pleno do Concello, e seguimos a nosa folla de ruta para seguir mellorando a trama viaria urbana de Monforte”, subliñou José Tomé.
O alcalde destaca que “a rúa Ourense é unha das arterias de entrada e de saída de Monforte, que comunica o centro da cidade coa saída cara a Ourense, a través da circunvalación CG-2.1 que leva á N-120, e cara a Ferreira de Pantón, a través da N-120a. Polo tanto, é unha estrada que conta cun alto volume de tráfico e, así, queremos dende o equipo de goberno mantela en bo estado”.
ACTUACIÓNS DE MELLORA DE PAVIMENTACIÓN DE VÍAS MUNICIPAIS EN RIBASALTAS
En concreto, o proxecto suporá a renovación do firme de diversas vías que actualmente están deterioradas, pero tamén se mellorará a parcela colindante ao acceso central, de propiedade municipal, na que se sementará céspede ornamental, se procederá á plantación de sete árbores e á colocación de bancos e papeleiras.
Tamén se colocará unha valla tipo bionda na zona na que o camiño está máis alto ca a parcela e, por último, procederáse ao pintado de marcas viarias, de símbolos e cebreados, así como á colocación de sinais de STOP (de 60 e de 90 cm) en todos os cruces nos que non existen.
PROLONGACIÓN DA RÚA ROBERTO MARTÍNEZ ANDRADE, CON SAÍDA Á RÚA SANTIAGO
A urbanización do novo tramo da rúa suporá a creación de dúas beirarrúas peonís en ambos os lados, de entre 1,20 e 1,50 metros de anchura, aproximadamente, cada unha, e unha calzada central de entre 6,90 e 9,30 metros de anchura, na que se situarán dous carrís, un para cada sentido, e unha zona de aparcamento en liña nun dos lados.
Así mesmo, procederase a dotar de servizos todo este tramo de rúa (saneamento, pluviais, abastecemento, iluminación pública, rede de baixa tensión e telecomunicacións). Por iso, procederase en primeiro lugar á demolición dos peches das parcelas na zona afectada, así como dunha pequena construción agrícola existente nunha delas.
Unha vez terminadas as redes de servizos, procederase á colocación do bordo de formigón, con rigola do mesmo material, en ambos os lados da calzada. Seguidamente, colocarase a soleira de formigón, de 15 cm, para a posterior colocación das baldosas, tamén de formigón, nas beirarrúas e, por último, o firme de aglomerado asfáltico, en dúas capas: de 5 cm a primeira e de 4 cm a última, a capa de rodadura.
Finalizará a actuación co pintado das marcas viarias correspondentes, incluíndo o pintado de marcas viarias do tramo de rúa existente, e tamén se colocará unha sinal de STOP na intersección coa rúa Santiago, para os vehículos que circulen por esa rúa procedentes da rúa Chantada.
Por último, tamén se procederá á construción dos peches das parcelas afectadas, así como á colocación das portas de acceso a cada unha delas.
Entre os tres proxectos, trátase dun investimento de algo máis de catrocentos mil euros, concretamente, 402.489,15 euros (IVE engadido), que se concretan en 103.677,98 euros na mellora do pavimento da rúa Ourense, 157.521,24 euros na mellora de pavimentación de varias vías municipais en Ribasaltas e 141.289,93 euros para a prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade con saída á rúa Santiago.
O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 9 de xullo, e as mesas de contratación terán lugar, a primeira o día 16 de xullo e a segunda o día 23 de xullo. Na primeira delas, o día 16, procederase á apertura dos sobres 1 e 2, que se corresponden coa documentación administrativa e a memoria técnica, e na mesa do día 23 de xullo procederase á apertura do sobre 3, que se corresponde coa oferta económica.
Unha vez adxudicados os proxectos, as empresas adxudicatarias contarán cun prazo de execución estimado para a realización das obras de 1 mes no caso do proxecto de mellora da rúa Ourense; o proxecto de mellora de pavimentación de Ribasaltas ten un prazo de execución de 2 meses; e, por último, a prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade ten un prazo de execución de 3 meses.
O alcalde concluíu salientando que “coa licitación destes novos proxectos que acabo de presentar, continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, neste caso, a mellora en vías de titularidade municipal, continuando cun compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende 2015, e que suporá, como veñen de comprobar, unha moi significativa mellora de varias rúas do Concello”.